Non podemos deixar de falar aquí da nosa "lareira" tradicional galega que, coma tódalas lareiras que no mundo foron, foi, e aínda o é en algures, o centro da vida familiar ó redor da que, non somentes se facía o lume e
comía, senón que se falaba e tomaban as decisións importantes. E á noite, despois da cea, os mozos deixaban a lareira da súa casa para ir a parolar en roda noutra ou noutras que o costume impuña por calquera cousa. Na miña aldea, por exemplo, era cáseque obrigada a visita á lareira de dúas mulleres, nai e filla, xa vellas, que vivían soíñas e ás que toda a aldea axudaba. Pero tamén íase a outras, "aldeando", onde vivían algunha ou algunhas fermosas rapazas sen noivo coñecido, porque as que o tiñan, en días sinalados, como os martes e sábados, íanlles os seus mozos a "petar á porta" cun repenique da navalla. Entón elas saían á porta a falar con eles, sen candil que os alumeara, que non fai falla para falar nen facer algunha outra cousa ás apalpadelas.
O lugar onde estaba a miña lareira ocupaba parte do baixo da casa, que posuía tamén un sobrado. Dende ela se tiña acceso á manxedoira da corte das vacas a traveso de dúas fiestras, abertas nunha parede de madeira que illaba as vacas do resto. Polas fiestras se lle botaba ós animais a herba fresquiña que trouxera nun feixe calquera de nós ou, no seu tempo, o mainzo raleado nas leiras. Tamén, pegada ó unllar e debaixo da escaleira que permitía chegar ó sobrado da casa, había outra fiestra que daba á manxedoira do cortello dos cuxos. Para chegar á bacoreira había que sair fóra, ó albó, onde unha porta pechaba ós porcos ó serán.
O soallo era de terra e a lareira, xa ora, de pedra. A miña lareira era de duas pezas de dezaoito centímetros de groso e moi ben axustadas. En conxunto formaban unha peza de tres por catro metros. Esta lareira, onde se facía e mantiña o lume, estaba no centro pegada á parede onde nascía a cheminea de vimbio coa súa cambota onde poucas veces vin nada nela, como non fora o candil.
Ás beiras da pedra había dous tallos ou bancos de cadeira, onde podía sentarse a xente. Tamén se usaba para esta angueira un tallo pequeno que non tiña sitio de seu e unha banqueta de tres pés para que non coxeara. Ás veces tamén servía de escano a artesa de amasa-lo pan, e aínda derriba dela alguén podía botar unha soñata. Debaixo da artesa se botaban as zocas vellas.
Detrás dun banco estaba o unllar cos carabullos e toxos secos que mantiñan o lume aceso. E detrás do banco máis próximo á artesa se botaba o carro de toxo que serviría para quenta-lo forno cando se cocera. Como é lóxico, naquela parede se abría a boca do forno, caleada de cando en vez, aínda que endexamáis souben por qué se facía. Debaixo da boca do forno estaba a borralleira onde caían as brasas cando, xa quente o forno, se limpaba para meter nel as bolas coa pá e cocelas.
Coma en tódalas lareiras, soía haber tres potes. O principal penduraba dunha cadea da gramalleira que, ó xirar, permitía achegar o pote ó lume ou arredalo . Era o pote de face-lo caldo e cheo pesaba o seu.
Dos outros dous potes, cando os había, un deles era grande e de boca ancha, cheo de auga, onde se botaban as pelas das patacas e os tronchos das berzas para que coceran. Esa auga se usaba despois para face-la comida dos porcos, engadindo sempre farelo, algo de maínzo partido, landras de carballo cando as había e, ás veces, castañas dous meses antes da matanza. O outro pote era moi pequeno e nel se fervía a iauga e rustría un pouco de unto para face-las sopas do almorzo na mañanciña, xa preparada-las cuncas có pan cortado finiño e ben estibado nelas. De cando en vez, ó remate, un gotiño de leite facía o almorzo deleitoso.
Tamén, para facer vida, tiñamos un chineiro có pan e, se cadra, un queixo encetado, leite callada se algún non se atopaba ben, ou un anaco de touciño. E un vertedeiro coa sella chea de auga da fonte, e unha ferrada para beber pousada nela. A iauga de lava-las cuncas ía por un buratiño cara afora e caía no curral doutra casa, axudando a face-lo esterco dese curral que, có das cortes de vacas, porcos e besta botábase nas leiras cando facía falla. Namentras, se "cocía" nunha esterqueira a cárón da casa.
Esta foi unha lareira real galega doutros tempos coma as do norte de Portugal , e falo só do que coñezo. Hoxe, en Galicia prácticamente non existen, e nos países lusófonos chámase lareira ó que os castelans chaman "chimenea". Eu, na miña chaminea de hoxe aínda aso algunha pataca, coma facía nas rozas, e no outono algunhas castañas. Coma dicía Epicuro "a verdadeira riqueza non consiste en ter moitas cousas, senón en ter poucas necesidades"
E fitando as chamas do lume da moderna lareira, apergamiñada a face, veñen as lembranzas.
© OLAF